A vicevoceira do goberno, Pilar García Porto, informou este luns que a Xunta de Goberno viña de aprobar o convenio das 4 Deputacións galegas, a Fegamp e a Xunta de Galicia para a continuidade dos GES durante o período 2016-2018.
Tal e como establece o convenio, os GES están financiados nun 60% pola administración autonómica, nun 20% polos organismos provinciais e noutro 20% polos municipios.
“A Deputación de Lugo xa ten comprometida unha partida de 350.000 euros para a continuidade desta prestación os vindeiros 3 anos. Isto permitirá o mantemento de 80 postos de emprego, os dos traballadores dos 7 grupos de emerxencia supramunicipal que se sitúan na Fonsagrada, Becerreá, A Pontenova, Monterroso, Cervo, Folgoso do Courel e Quiroga”, destacou García Porto
Asemade a Xunta de Goberno aprobou unha aportación de 100.000 euros á Universidade de Santiago de Compostela, para continuar co Plan de Impulso do Campus de Lugo. García Porto informou que se acordou achegar este orzamento ao desenvolvemento de 5 liñas do protocolo de actuación do organismo provincial e a USC para o impulso do Campus lugués. As liñas son: Plan de captación de estudantes doutras nacionalidades, Desenvolvemento dun plan de apoio para as prácticas de campo, Impulso da docencia semipresencial ou a distancia mediante a implantación de novas tecnoloxías, Impulso da divulgación científica, Captación de novos talentos e Análise das infraestruturas deportivas e docentes.
A Xunta de Goberno aprobou outros 10 expedientes que resultaron beneficiados doutras tantas bolsas da Deputación, coas que se lle custean os gastos da matrícula no Campus de Lugo. Son concretamente 6 mellores expedientes de BAC que iniciaron este ano os seus estudos na USC en Lugo, e 4 mellores expedientes de Grao que están un cursar Máster tamén no Campus lugués.
A Deputación tamén resolveu aceptar a 15 novas empresas e asociacións a traveso do Ben Empregado, que ofrecen 17 postos de traballo na provincia de Lugo. Estas empresas son agora beneficiarias logo de que outras tantas empresas presentaran a súa renuncia.