A Deputación aproba os equipamentos e servizos tecnolóxicos para os 52 concellos adheridos ao programa Impulsa TIC

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou hoxe os equipamentos e servizos tecnolóxicos que a institución provincial lles proporcionará gratuitamente aos 52 concellos da provincia que decidiron adherirse ao programa Impulsa TIC. Esta iniciativa é posible grazas aos 4,5 millóns de euros de fondos europeos que conseguiu a institución a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

En concreto, haberá material destinado á mellora da eficiencia dos servizos básicos da administración dixital a través da interoperabilidade entre sistemas, para favorecer así as sinerxías e a colaboración entre entidades; tamén á creación de oficinas municipais de prestación de servizos electrónicos aos cidadáns e a implantación dun sistema de automatización e dixitalización dos plenos municipais; e finalmente, á apertura, a transparencia e a accesibilidade dos propios concellos a través de diferentes ferramentas dixitais, a implantación dun chat de asistencia para axudar ao cidadán ou a implantación dun módulo de transparencia.

Unha vez que a Xunta de Goberno aprobou hoxe os equipamentos e servizos, o seguinte paso será licitar os contratos para adquirilos e logo distribuílos.

Estrada afundida en Ribas de Sil polas choivas

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou declarar de emerxencia as obras necesarias para arranxar os danos provocados polas intensas choivas de principios deste mes na estrada LU-P-5303, á altura do concello de Ribas de Sil que sufriu un afundimento. Será a empresa encargada da conservación da rede provincial nesta zona, Excavaciones Goni SL, a que se encargará dos traballos cun orzamento estimado de 85.000 euros.

Mellorar a mobilidade é tamén o obxectivo do acordo de colaboración aprobado hoxe na Xunta de Goberno, a través do que a Deputación achegará preto de 120.000 euros ao Concello de Láncara para a mellora de vías municipais na parroquia de río. Concretamente, nos lugares de Río, San Martiño e Tourelle.

Parque Móbil e a Granxa Gayoso

A Xunta de Goberno acordou licitar un contrato para o subministro de material destinado ao Parque Móbil e á Granxa Gayoso Castro da Deputación por un importe conxunto de 100.000 euros. En concreto, trátase de pezas e repostos, aceites, graxas e aditivos para os vehículos que utilizan ambos servizos; ferramenta e materiais de desgaste do Parque Móbil; e material de limpeza para vehículos e maquinaria. A vixencia do contrato é dun ano, con posibilidade de dúas prórrogas anuais.

Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Na reunión de hoxe, o Goberno provincial aprobou o último trámite administrativo que resta para pagar a 7 asociacións de cinco concellos da provincia axudas económicas que suman un total de 40.000 euros, como beneficiarias do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios da Deputación. As axudas serviron para acometer diferentes actuacións, como acondicionamento de camiños, pistas agroforestais e accesos a fontes; e mellora de depósitos de auga, captacións, abastecementos ou locais sociais.

Equipos de protección e roupa de traballo

Tamén se aprobou a adxudicación da subministración de Equipos de Protección Individual (EPIs) e roupa de traballo para o persoal da Deputación. A adxudicataria do subministro dos EPIs é a empresa Rafitextil DTT 3.8 SL por un importe de 161.021 euros; e Construdeco Norte SL resultou adxudicataria do subministro de roupa de traballo por un importe de 49.718 euros. A duración do contrato en ambos casos é de un ano, prorrogable por outro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com