O Vicepresidente da Deputación e Deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, supervisaron o estado da estrada LU-P-140, na que se produciron desprendementos nas pasadas semanas a causa das intensas choivas.
Trátase da estrada que vai da LU-723, por Degrada, pasando por Piornedo, e ao límite provincial. Fernández Queipo avanzou que “actualmente a estrada atópase pechada ao tráfico ata que completemos os traballos precisos para garantir a plena seguridade aos usuarios da vía”.
O Vicepresidente lembrou que “esta estrada viuse afectada o pasado ano por varios incendios. Os lumes pelaron as ladeiras, moi escarpadas, o que fai que a vexetación tarde en recuperarse. Esta situación provoca unha gran acumulación de auga nos días de choiva intensa, como sucedeu nas pasadas semanas, facendo que a estrada non fose capaz de evacuar os litros cadrados que caeron e provocando desprendementos. Nestes momentos estamos a facer o proxecto para a recuperación da vía e agardamos poder abrila de novo no menor tempo posible”.