O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar co Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, un acordo de colaboración polo que a institución provincial aportará 900.000€ ao Concello para que poida adquirir o Castelo de Doiras, e converter así en ben público este patrimonio emblema do medievo, situado na parroquia cervantega de Vilarello, para a súa conservación, protección e posta en valor como reclamo turístico. O investimento asinado distribuirase en catro anualidades de 225.000€ cada unha -entre o 2023 e o 2026- representa o 94% do custe total do inmoble, mentres que o Concello achegará a contía de 60.000€ restante.
O Castelo de Doiras, tamén coñecido como castelo de Ferreiría, está situado na parroquia de Vilarello, sendo un dos monumento máis característicos da Serra dos Ancares. Considerada desde o ano 1994 como Ben de Interese Cultural dentro do catálogo de monumentos do patrimonio histórico de España, a fortaleza foi levantada no século XV por Diego Pérez Osorio e Guzmán, e domina desde o alto dunha montaña a aldea de Doiras.
Antigamente, o inmoble pertencía á familia lucense Martínez Baladrón. Foi restaurado e conta cunha planta rectangular de 20×10 metros aproximadamente, muros de pezas de lousa de metro e medio de espesor, e cunha altura de oito metros. Tamén dispón dunha esbelta torre de homenaxe no muro sur, cunha altura de dezaséis metros e planta de 10×8 metros cun espesor dos muros que chega aos dous metros.