A Deputación aspira a captar fondos europeos de recuperación para impulsar as Reservas da Biosfera

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu onte os órganos reitores das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial. Os encontros, que acolleu o Salón de Actos do Pazo de San Marcos, serviron para realizar os correspondentes balances das actividades realizadas neste ano 2021 e abordar os proxectos de futuro que se van impulsar.

Nestas reunións, que se celebraron durante a mañá e a tarde, Tomé Roca avanzou que “se vai traballar por aumentar o investimento captando fondos da Unión Europea a través do programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado para facer fronte á pandemia”.

Explicou que eses fondos servirán para impulsar as dúas reservas con novas actividades e proxectos que poñan en valor o patrimonio etnográfico, monumental e paisaxístico do territorio. “Penso que temos motivos para estar satisfeitos do traballo que se fixo neste 2021, nun ano que estivo marcado polos actos de celebración do 50 aniversario do programa MaB, Home e Biosfera”, lembrou o mandatario provincial.

Detallou, precisamente, que “a estratexia e a filosofía deste programa de compaxinar a defensa do medio ambiente co desenvolvemento social e económico do territorio dunha maneira sostible é a estratexia pola que a pola que apostamos na Deputación, estamos convencidos de que o Medio Ambiente, a nosa riqueza ambiental, ten que ser unha oportunidade de futuro para o rural da provincia de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com