A Deputación axuda na promoción da Festa da Torta de Millo de Guitiriz

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, presentaron hoxe na Praza do Concello guitiricense a Festa da Torta de Millo, que terá lugar o vindeiro domingo 29 de xullo, en dito municipio da Terra Chá. O Goberno Provincial colabora con esta cita gastronómica, cunha achega económica de 10.000 euros para a organización de diferentes actividades dentro do programa da festividade.

Vidal Baamonde explicou que “dende o Goberno da Deputación promovemos este tipo de citas que son unha grande oportunidade para gozar e promover a cultura e a gastronomía tradicional galega, neste caso a través da torta de millo, un produto con moito arraigo neste municipio. Deste xeito, a través da achega do Executivo os veciños de Guitiriz poderán disfrutar coa música de Susana Seivane e Os Trastiños do Castelo; así como de demostracións de artesanía en directo”.

A Alcaldesa subliñou que “ao longo do día, ademais da degustación de torta de millo, contaremos con obradoiros de artesanía, polo que todas as persoas que se acheguen poderán presenciar demostracións en vivo de profesionais da cerámica, o tear e a cantería. Tamén haberá un xantar popular ao aire libre e xogos populares para todos os públicos. Outro reclamo da festa será a exposición de coches antigos, e posterior ruta ata as tres fontes mineromedicinais do Concello”.

Polín Rodríguez agradeceu a constante colaboración da Deputación e adiantou que “vai a ser unha festividade única, na que o son galego vai estar moi presente e na que as tortas de millo se levarán todo o protagonismo, unha cita que non debedes de perder e a que estades todos convidados”.

Os veciños de Guitiriz e os visitantes poderán gozar ás 13:00 horas da actuación do grupo musical Os Trastiños do Castelo que se enmarca no programa da Deputación, Musiqueando, e será Susana Seivane coa súa música tradicional galega a que lle poña fin a esta festividade ás 21:30 horas, no Campo da Festa de Guitiriz, no que a entrada é gratuíta e libre para todo o mundo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com