A Deputación de Lugo impartirá dende hoxe e ata o vindeiro 21 de abril cursos formativos e de reciclaxe no manexo de desfibriladores dirixidos ao seu persoal. Os cursos levaranse a cabo no centro de prevención de riscos laborais Cualtis de Lugo, cumprindo coas medidas establecidas polas autoridades sanitarias. Nestas accións formativas participarán preto de 100 traballadores e traballadoras provinciais, divididos en grupos de oito persoas, que coñecerán as claves básicas para poder utilizar os desfibriladores semiautomáticos (DESA) que están instalados nas dependencias da institución e tamén as técnicas de Reanimación Cardiopulmonar (RCP).
Estes traballadores e traballadoras obterán a formación precisa para poder atender a calquera persoa ante unha situación de emerxencia e tratar de reducir ao máximo posible o tempo de reposta ante unha parada respiratoria, empregando os aparatos desfibriladores colocados en todos os centros dependentes da institución provincial.
Levaranse a cabo un total de 12 cursos diferenciados en 6 edicións de cursos iniciais de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) e desfibrilación externa semiautomática, e outras 6 edicións de reciclaxe para o persoal que xa se formou fai dous anos.
A formación inicial vai dirixida principalmente ao persoal de recente incorporación que non tiña estes coñecementos e que traballa nos Centros de Atención a Maiores (en Trabada, Ribadeo, Pol, A Fonsagrada e Castroverde), no Servizo de Audiovisuais, naGranxa Gayoso Castro, na Rede Museística Provincial, no Servizo de Mantemento, de Recadación,de Persoal, de Arquivo e no Pazo Provincial.
A formación de reciclaxe ten como destinatarios ao persoal dos distintos servizos que xa recibironesa formación inicial en 2018, cando se iniciou a preparación e as primeiras instalacións. Considérase relevante que lembren como é o seu manexo ao tratarse dunha actividade que non se adoita poñer en práctica no día a día.