O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, mantivo hoxe un encontro con familiares da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental na Mariña con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora hoxe, 10 de outubro.
Son 89 os veciños de todos os Concellos desta Comarca os que atende dita asociación con axuda do Goberno Provincial, pois destinou a este fin máis de 55.000 euros. Estes fondos permitiron construír un novo centro de día en Burela e o desenvolvemento de pioneiras terapias e actividades nas instalacións en Cervo. Foi neste último municipio, no que tivo lugar esta xuntanza, na que se presentou a nova edición da revista Agarimo. Esta publicación, que xa cumpre 15 anos, foi elaborada por rapaces da asociación e tamén contou co apoio económico do Executivo da Deputación para a súa impresión.
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña ofrece atención profesional a 89 veciños en 3 centros: no de Burela, que atende a 25 usuarios; Ribadeo, 20 e no de Cervo, que conta con 25 usuarios. Os 19 restantes reciben atención domiciliaria. É o único colectivo na Comarca mariñá que ofrece atención especializada. Recíbena veciños do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Ribadeo, Ourol, Alfoz, O Valadouro, Lourenzá, Mondoñedo, Riotorto, A Pontenova e Trabada.