A Deputación de Lugo acolle a presentación do libro Galicia en clave económica

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á Vicepresidenta Lara Méndez e o xornalista Julián Rodríguez presentou hoxe no Salón de Actos de San Marcos a publicación Galicia en clave económica, conclusión do ciclo de debates e relatorios que, baixo o mesmo título, se celebraron por toda a provincia de Lugo entre xuño de 2013 e decembro de 2014.

Neste senso, Gómez Besteiro destacou que “Galicia en clave económica debería ser lectura obrigada para todos os galegos, porque apunta propostas concretas para superar este momento económico e sinala como cambiar os antigos modelos caducos, fillos da especulación, por outros baseados no crecemento sostido que aporten solidez ao noso país. Se algo nos ensinou esta crise é que non debemos repetir os erros do pasado, cun modelo que tiña os pes de barro”, subliñou.

O Presidente fixo fincapé na situación actual de Galicia que, “ao contrario do lento crecemento que experimenta España, rexistra máis paro, máis débeda e menos poboación. O país afronta o seu futuro con serias dúbidas, á vista dos datos da evolución do PIB, que indican que a recuperación económica aínda non chega ás familias nin aos cidadáns. E o que é peor; parece que saída da crise será lenta e prolongada no tempo”, sentenciou Besteiro.

O ciclo Galicia en clave económica, contou coa participación de máis de trinta expertos referentes nos seus campos de traballo, en diferentes debates e relatorios celebrados en Lugo, Viveiro, Chantada, Vilalba, A Fonsagrada, Monforte e Ribadeo, entre outros.

Entre estes expertos, aos que o Presidente quixo agradecer a súa colaboración desinteresada, atopáronse o ex presidente da Xunta Fernando González Laxe, o director do Foro Económico de Galicia; o presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia, Escola Galega da Paisaxe, o Centro de Estudos Turísticos de Galicia, o Instituto Galego do Viño, a Patronal Confemadera; sindicatos; a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias; a Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia, ou a Asociación Galega de Empresa Familiar.

Galicia en clave económica fai un percorrido, da man de primeiras espadas do campo económico, sociolóxico e histórico de Galicia, polos retos máis importantes da economía galega tanto dende o punto de vista macroeconómico (modelo produtivo, desemprego, demografía, sector público e privado); como sectorial (finanzas, agroalimentacion, madeira, turismo, paisaxe e agricultura ecolóxica, entre outros).

A publicación xa está dispoñible de xeito gratuíto na web www.deputacionlugo.gal e no departamento de Atención ao Cidadán da Deputación de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com