A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de anunciar a aprobación dunha partida de 3,5 millóns de euros que se destinará en amañar os tramos en mal estado das estradas da súa titularidade.
Este diñeiro destinaranse na prestación do servizo e mantemento da Rede Provincial de Estradas entre 2024 e 2025. O contrato incluirá os traballos para a conservación, mantemento e a atención de emerxencias derivadas da mala climatoloxía.
Esta partida dividirase en oito lotes, un por cada zona viaria da rede provincial, “co obxectivo de poder actuar dun xeito máis áxil e eficaz, tendo en conta que a de Lugo é a Deputación española con máis quilómetros de estradas”, sinalou a voceira socialista do goberno, Pilar García Porto.
Tamén se destinarán algo máis de 132.500 euros en obras de mellora da estrada provincial LU-P-0901, que conecta as parroquias de San Xoan de Tor (Monforte) e Martín (Bóveda). Esta obra, que consistirá na reapertura de cunetas, a pavimentación e a sinalización da vía, contará cun plazo de execución de tres meses e afectará a un tramo da estrada de 2,5 quilómetros.
Os concellos de O Corgo e Guntín tamén se verán beneficiados dunhas obras de emerxencia en dous puntos do cinto comarcal. Destinaranse 150.000 euros para arranxar os danos provocados polos temporais das últimas semanas. García Porto sinalou que as obras de Guntín “xa están finalizadas”, e as do Corgo “comezarán a vindeira semana”.
Presuposto para o suministro de material
Na reunión da Xunta de Goberno tamén se aprobou a licitación de dous contratos para o suministro de material para o Parque Móbil por un importe superior ao millón de euros.
Un dos novos contratos destinarase á compra de emulsión asfáltica por case 720.000 euros. Os outros 380.000 euros destinaranse ao suministro de áridos de rego asfáltico con saburra artificial, “necesario para levar a cabo os traballos de acondicionamento nas estradas provinciais e municipais”, sinalou a voceira.
Resposta do PP
Trala comparecencia de García Porto, o grupo popular sinalou que a LU-P-2913, que conecta Lugo e Guntín e que dá servizo a numerosas parroquias do rural lucense, “tamén presenta deficiencias moi importantes”.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, lanzou a pregunta de se a relación entre José Tomé e Lara Méndez é a causante de que non se actúe nesta estrada provincial. “Moito nos tememos que como Lara Méndez é alcaldesa de Lugo despois de que a Deputación pagase a súa carreira política, agora Tomé non queira axudala para que non lle faga sombra”, afirmou.