A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou hoxe a moción que o grupo provincial socialista levará ao Pleno do vindeiro martes coa que insta ao Goberno de Mariano Rajoy a modificar a lexislación para protexer aos produtores de leite fronte aos posibles abusos da industria.
Fíxoo durante un encontro que mantivo cos responsables da SAT Os Foros da Pastoriza, no que estivo acompañada polo Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos e o Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias.
Méndez insistiu na necesidade de prestar o maior apoio posible ao sector do lácteo, tendo en conta as dificultades que este atravesa na actualidade, entre as que destacou “a eliminación do sistema de cotas lácteas o pasado 1 de abril; a caída do prezo do leite en orixe ou a ineficiente e inxusta repartición das axudas da nova Política Agraria Común”. O do leite é, ademais, un sector estratéxico para o desenvolvemento económico da provincia, que produce preto da metade do leite galego –máis dun millón de toneladas anuais- e xera uns 25.000 postos de traballo.
Así, o vindeiro Pleno provincial debatirá e votará a moción presentada polo Grupo socialista, coa que instará ao Goberno central a modificar o contido do Real Decreto 125/2015, de 17 de febreiro, para que este sirva, entre outros obxectivos, para corrixir “a precariedade dos contratos que quedou patente o pasado 31 de marzo”.
Méndez fixo alusión a algunhas industrias lácteas, “que non dubidan en obrigar os produtores a asinar contratos en condicións extremas e abusivas, sen oferta previa e sen negociación, baixo a ameaza de non recollerlles o leite”.
Entre outras medidas que debería recoller a nova redacción deste decreto, a Vicepresidenta destacou a introdución da figura do mediador, o establecemento de fortes sancións para que as industrias non continúen con prácticas como fixar os prezos de xeito unilateral ou impoñer contratos á baixa e por menos de 12 meses, ou marcar un dobre prezo para o leite producido nos doce meses anteriores ao contrato”.
Outros dos mecanismos que deberían recoller a lexislación serían as inspeccións periódicas para evitar o emprego do leite como reclamo nas grandes superficies comerciais, así como a posta en marcha dun programa de concesións de créditos aos gandeiros e un seguro de rendas subvencionado.
Igualmente, Méndez destacou a conveniencia de crear un foro permanente no que participen produtores, industria, distribuídores e consumidores, que se regule un sistema de seguimento do leite e dos seus derivados dende a súa orixe ata o consumidor ou a mellora da etiquetaxe, de xeito que permita ao consumidor coñecer e valorar a procedencia do leite.
A Vicepresidenta subliñou que “a Deputación de Lugo ten claro que o sector gandeiro é fundamental para a economía da provincia, de aí a liña de colaboración que vimos mantendo dende hai tempo con estes profesionais”. Neste senso, lembrou que hoxe ábrese o prazo para solicitar as axudas do organismo provincial ás organizacións de produtores, para que estas poidan facer fronte aos custes de contar con persoal e medios para a concertación de contratos coas industrias.
As bases e a convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia publicado onte en www.deputacionlugo.gal.