A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, reuniuse hoxe cos membros da comisión da XXXI Mostra Exposición de Muimenta-MOEXMU, e confirmoulles a renovación da colaboración que o organismo provincial mantén con este evento dende hai anos.
Nesta ocasión, a mostra celebrarase entre os días 10 e 12 de abril no recinto feiral “Manuel Vila López”, coincidindo co XXIX Concurso de Gando Frisón; a XXIX Exposición de Gando Rubio Galego e a XVIII Subasta de Gando Selecto.
Méndez destacou que esta cita contará novamente coa achega de 3.000 euros, a través do Plan Estratéxico de Subvencións e que a Deputación concede dende hai anos á Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, organizadora do evento, xa que “é fundamental implicarnos ao cento por cento na promoción do sector agrogandeiro, estratéxico para a nosa provincia, así como na dos produtos autóctonos de calidade e se por algo destaca MOEXMU é por ser un dos mellores escaparates, pola cantidade e calidade do que aquí se presente cada ano”.
Ademais, o feito de que Muimenta acolla a milleiros de visitantes que cada ano se achegan ata a mostra, supón un “pulo de especial importancia para a economía da localidade e de toda a zona, posto que a afluencia de público aumenta tamén as vendas nos negocios de hostalería, restauración e servizos varios situados en localidades próximas dos Concellos de Vilalba ou Castro de Rei”.
A esta achega para a financiación dos custes da MOEXMU, a Deputación tamén colabora a través do Centrad mediante a presenza de artesáns facendo demostracións de oficios tradicionais en vivo.
Xunto a esta colaboración específica, o organismo provincial destina outra achega, polo mesmo importe, á financiación da tradicional Festa da Filloa de Muimenta, declarada de Interese Turístico de Galicia, que anualmente organiza a mesma comisión e que este ano terá lugar o vindeiro 1 de maio.
Os membros da Comisión, que este ano está presidida por Manuel Seijas Vázquez, agradeceron a colaboración da institución provincial, fundamental para o financiamento da mostra.