O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, avanzou hoxe a aprobación na Xunta de Goberno dun plan de emprego específico para asociacións sociais da provincia. Leva por nome Tecendo Emprego e está dotado de 1,7 millóns de euros. Este orzamento é para a contratación de desempregados lucenses en colectivos que traballan en prol da integración socio-laboral de persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social.
Campos Conde explicou que “por primeira vez na provincia, un plan que ofrece traballo de calidade a lucenses no paro e que reforce a labor profesional e especializada de asociacións sen ánimo de lucro de toda a provincia, encamiñada a mellorar a calidade de vida de veciños con maiores necesidades”.
Tecendo Emprego ofrece axudas de entre 18.000 euros e 24.000 euros para a contratación durante un ano de desempregados lucenses en colectivos sociais que conten con programas de integración socio-laboral de lucenses con capacidades diferentes, en risco de exclusión social ou en situación de vulnerabilidade. “Teceremos unha rede entre as asociacións, os seus usuarios e o mercado laboral, de aí o nome deste plan”, apuntou o Presidente.