A deputada provincial de Economía, Recadación, Facenda e Especiais de Contas, Pilar García Porto, deu a coñecer os resultados obtidos a través do convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Lugo para a revisión da factura eléctrica. Así, despois de analizar un total de 8.000 recibos e máis de 600 contratos eléctricos do consistorio lucense, os funcionarios detectaron que a facturación tiña un 7% de erros, que en moitos casos afectaban á aplicación de prezos, de forma que o Concello estaba pagando un importe maior do que lle correspondía.
No informe elaborado polos funcionarios da axencia de enerxía inclúese unha análise dos suministros e os resultados, así como recomendacións técnicas “encamiñadas a corrixir os erros detectados, de forma que os consumos e os gastos estean equilibrados”, explica Porto. Unha vez aplicado este plan o Concello poderá aforrar, segundo os cálculos da Deputación, 1.120.000 euros ao ano, unha cifra moi representativa especialmente se temos en conta que “o custo eléctrico supón entre o 65 e o 90% do gasto enerxético dun concello e o 15% do orzamento total dunha entidade local”, explica
O convenio co Concello de Lugo fíxose despois de que a Deputación puxese en marcha este mesmo plan de aforro e asesoramento enerxético noutros 47 consistorios da provincia, os mesmos que se quixeron adherir a esta iniciativa.