A Deputación di que pretende aclarar o proceso que iniciara Candia para desfacerse do Audi de Besteiro

A deputada socialista, Pilar García Porto, respondeu hoxe ás críticas do grupo popular sobre a paralización do proceso para desfacerse do que coche oficial do ex presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. A voceira popular, Elena Candi, denunciara no día de onte que o Goberno Provincial non siga adiante cos trámites para o alleamento do coche de alta gama, unha das primeiras medidas de Candia ao chegar á presidencia da Deputación.

Así, García Porto asegurou que no Goberno provincial “seguimos traballando para aclarar ese proceso” pero matizou que “se Elena Candia manifesta tanto interese, debería dicir por que, como e a quen lle foi adxudicado” o vehículo e explicar tamén “por que insiste e por que lle preocupa tanto este asunto”.

A deputada socialista fixo estas declaracións durante a comparecencia para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno celebrada hoxe, neste caso xunto ao voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro. Así, nesta sesión acordouse a creación dunha comisión técnica para a posta en marcha do Centro de Recría impulsado polo Goberno provincial en Castro de Rei.

“Un dos principais obxectivos desta comisión é a elaboración dun estudo de mercado para que os custos do primeiro centro de recría de gando vacún público en España sexan os máis competitivos. É dicir, para que verdadeiramente estas instalacións públicas aforren cartos aos gandeiros pola recría, cumprindo co fin para o que naceron”, remarcou García Porto.

Pingueiras no Museo 

Xosé Ferreiro anunciou hoxe que o Goberno Provincial está traballando nun paquete de medidas para poñer solución ás deficiencias na estrutura do Museo Provincial, que nestes días de chuvias continuadas están provocando pingueiras no edificio. Ferreiro asegurou que polo momento xa dispoñen dos resultados dun estudo previo no que se detectan os problemas e se propoñen solucións.

Do mesmo xeito o deputado nacionalista adiantou que nos orzamentos de 2016, aínda pendentes de presentar e aprobar, inclúese o proxecto definitivo da reforma na cuberta do patio interior do Museo, a principal zona afectada. Ferreiro lembrou tamén que a Deputación puxo en marcha medidas provisionais para evitar as pingueiras “pero o temporal foi moi forte e non foi abondo”. Do mesmo xeito asegurou que ningún fondo resultou danado xa que “o persoal estaba preparado ao tratarse dunha situación que se podía prever”.

Ferreiro tamén fixo balance da afluencia de visitantes na rede museística provincial, de forma que no 2015 pasaron polos 4 museos da Deputación máis de 100.000 persoas, o que supón un incremento dun 2%.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com