A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Director Deportivo do CB Breogán, Enrique Fernández Fraga, e a Directora Xeral de ADOS (Axencia de Doazón de Órganos e Sangue), Marisa López García, presentaron unha nova campaña de concienciación social, enmarcada dentro do contrato de patrocinio asinado polo club celeste e a Deputación, polo cal, o vindeiro partido do Breogán no Pazo dos Deportes, que se celebrará este sábado 13 de outubro, estará dedicado a promover a doazón de sangue.
López Izquierdo subliñou que “consideramos que o CB Breogán é unha estupenda plataforma para facer chegar á cidadanía a importancia de realizar un xesto altruísta e sinxelo como é doar sangue, un xesto que pode incluso salvar vidas. Así, dende o Executivo queremos convidar a todos os lucenses a que se acheguen a doar durante esta semana, e animalos a que o continúen facendo no futuro, de aí que unamos sinerxías co equipo celeste poñendo en marcha esta iniciativa de sensibilización, que se enmarca dentro do contrato de patrocinio que temos asinado”.
Así mesmo, Rivera Capón engadiu que “as 50 primeiras persoas que se acheguen a doar durante a xornada do xoves, recibirán como obsequio unha entrada dobre cuxo custe asume a Deputación, para poder asistir, de xeito gratuíto, ao encontro que o CB Breogán disputará o sábado no Pazo dos Deportes ante o Movistar Estudiantes”.
Actualmente, as reservas dos grupos sanguíneos B Negativo, AB Positivo e AB Negativo teñen un nivel bo, mentres que é recomendable incrementar as reservas dos grupos A Positivo, A Negativo, Cero Positivo, Cero Negativo, e B Positivo. A comunidade galega ocupa o 4º posto en número de doazóns a nivel nacional. Concretamente, na provincia de Lugo rexistráronse 8.500 doazóns durante o pasado ano.
A unidade móbil de ADOS situarase o mércores 10 no IES As Mercedes de Lugo dende as 09:30 ata as 14:30 horas; a carón do Concello do Cádavo, en Baleira, de 16:00 a 18:30 horas; e, finalmente, a carón do Concello de Castroverde, de 19:00 a 21:00 horas. O xoves 11, día durante o que se fará entrega das entradas para o encontro do sábado, a unidade móbil estará na Porta de San Fernando, de 09:30 a 14:30 horas, e a carón da Subdelegación do Goberno dende as 15:30 ata as 21:00 horas.