A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a axuda económica e material comprometida hai uns días polo Presidente da institución, José Tomé Roca, ao pobo ucraíno por importe de 28.000€. Trátase dunha achega económica de 10.000€ e outra en especie por importe de 18.000€ que, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, se destinará á compra de material básico de primeira necesidade que determinarán as organizacións que están traballando sobre o terreo e que poden ser dende produtos alimenticios a artigos hixiénicos ou sanitarios.
“Unha achega coa que queremos colaborar fronte á grave crise humanitaria que a brutal invasión rusa está provocando no este de Europa, con miles de persoas mortas e feridas e máis de 3 millóns de ucraínos e ucraínas que tiveron que escapar da súa casa, do seu país, para salvar a vida”, sinalou.
A voceira socialista explicou que as axudas se canalizarán “a través de Cruz Vermella, que é unha das organizacións que o Goberno de España estableceu para a colaboración con Ucraína” e que, ademais desta colaboración directa, a Xunta de Goberno ratificou a disposición da institución a colaborar “en todas aquelas medidas que sexan necesarias, como a procura de aloxamento temporal ou solucións habitacionais”, en función das posibilidades e recursos dispoñibles e da situación da provincia.
A Deputada tamén lembrou que os grupos políticos representados na Corporación provincial acordaron por unanimidade nunha Xunta de Voceiros e Voceiras unha Declaración Institucional na que condenan a invasión de Ucraína por parte de Rusia, ademais de expresar a súa total solidariedade co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución de axudar a paliar a crise humanitaria a través dos cauces establecidos polo Goberno de España.