A Deputación esixe á Xunta que destine os 220M€ recibidos do Estado ás Entidades Locais e sectores máis afectados pola Covid

Xornada de Pleno na Deputación de Lugo na que os grupos de Goberno acordaron, coa negativa do PP, reclamar á Xunta a creación dun fondo extraordinario Covid para as Entidades Locais nos orzamentos autonómicos para 2021, así como liñas de axuda específicas para os sectores máis afectados.

Nun pleno telemático, a voceira do Partido Socialista no Goberno provincial, asegurou que o Estado remitiu á Xunta de Galicia 224 millóns de euros para facer fronte á Covid e vén de anunciar un novo impulso económico á Comunidade de 441 millóns de euros para paliar a caída da economía galega. Os socialistas, co respaldo do BNG, esixirán á Xunta a Creación dun Fondo Extraordinario para Concellos e Sectores afectados.

En concreto, a institución provincial reclámalle ao Executivo autonómico que inclúa nos seus orzamentos do 2021 cando menos 100 millóns de euros para os concellos, que ata o momento non recibiron nin un só euro extra para afrontar a pandemia, co obxectivo de axudarlles a facer fronte ás “competencias impropias” que están cubrindo na loita contra a crise sanitaria, e 120 millóns de euros para crear unha liña de axudas destinadas aos sectores  económicos máis afectados polas restricións da Covid-19.

A iniciativa socialista complementa a proposta das deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra que foi trasladada onte ao Clúster de Turismo de Galicia de crear un fondo común de rescate para o sector da hostalería e o turismo ao que a Xunta, as catro deputacións e os sete grandes concellos galegos destinen o 1% do seu Orzamento do 2021. “Nós estamos dispostos a seguir colaborando para apoiar a un dos sectores máis afectados pola pandemia”, subliñou a voceira socialista facendo fincapé en que a suma dese 1% dos orzamentos da Xunta e das catro Deputacións sumados aos das sete grandes cidades galegas, permitiría “crear e coordinar un gran plan de axudas directas ao sector por importe de máis de 140 millóns de euros, un importe case tres veces superior aos 50 millóns de euros que propón o Goberno galego”.

Asimesmo, detallou a Deputada que o Goberno de Núñez Feijóo ten as competencias estatutarias na materia e conta tamén con recursos económicos, xa que no 2020 o Estado lle transferiu 224 millóns de euros a través dos fondos Covid, e vén de anunciar o reparto doutros 441 millóns de euros.

Negativa do PP

Como dicíamos, a proposta saíu adiante co voto en contra do Partido Popular que condicionaba o seu apoio á aceptación dunha emenda de engádega, que non se aprobou, na cal se pedía que sexa tamén a Deputación a institución que dedique parte dos seus orzamentos a este Fondo e a que inste ao Estado a que faga efectivo o Plan de Rescate anunciado en 2020. O voceiro popular, Javier Castiñeira, destacaba antes de entrar no pleno, que os populares entenden que “todas as administracións deben participar no financiamento da recuperación do tecido económico lucense e, por suposto, tamén a Deputación ten que sumarse ao plan de reactivación”. Por iso, o PP propoñía “que o bipartito rectifique a súa decisión inicial e sume ao fondo de recuperación os 4 millóns de fondos propios que lle pediu, en xuño do ano pasado, o Partido Popular”. Igualmente sinalou que “o Estado debe acceder ás peticións dos hostaleiros e deseñar un plan de rescate nacional para o sector”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com