A Deputación esixe á Xunta que deteña os recortes no Plan de Camiños

A Deputación de Lugo instará á Xunta de Galicia a deter os recortes que se están a producir no Plan de Camiños e que afectan á provincia, principalmente ao rural. O responsable da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, explicou no Pleno de onte que a cantidade consignada para as axudas no Plan Marco de melloras de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas para as anualidades 2020 e 2021 en Galicia é de 12 millóns de euros, unha redución de máis dun 25% con respecto as axudas dedicadas na convocatoria do 2018.

“Este novo caso de recortes afecta a todos os concellos de Galicia, e dun xeito especial a aqueles que contan cun marcado carácter rural, como sucede coa maioría dos da nosa provincia. Unha política de recortes que a Xunta ven desenvolvendo dende o ano 2016”, advertiu Arias. O Deputado explicou que “a cantidade anual que perciben os concellos reduciuse en máis dun 70% con respecto ao ano 2016, ó pasar de preto de 20 millóns anuais a só os 6 actuais”.

Os concellos lucenses recibiron 5,3 millóns de euros no ano 2016 para executar obras de melloras viarias. No seguinte plan marco, esa cantidade pasou ser de 4,12 millóns a repartir en dous anos, e dicir so 2 millóns de euros ao ano, unha redución do 63%. E no novo plan marco de 2020-2021, esta cantidade redúcese de novo, xa que os 4,12M€ pasan a ser apenas 3,06M€. Isto é, os concellos de Lugo pasaron a dispor de 5,3 millóns no ano 2016 a ter so 1,5 actualmente. A redución con respecto dos fondos do ano 2016 é do 71,7%. “Deixan esmorecer o rural, cada día pecha unha explotación na nosa provincia e xa se perderon 40.000 empregos no campo nestes anos que levan gobernando en Galicia”, argumentou Arias.

Cos votos de PSdeG e BNG a favor, a Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a que abandone esta política de recortes e manteña as axudas para traballos de mellora na rede de camiños municipais, nun nivel que permita os concellos acometer as obras necesarias para garantir o bo estado desta rede de infraestruturas fundamental para o mundo rural.

Por outra banda, a Deputación de Lugo tamén demandará transparencia á Xunta no que respecta ao plan de xestión da paisaxe cultural da Ribeira Sacra para o período 2020-2023. A voceira socialista do Goberno provincial lembrou que o pasado 10 de decembro o Executivo autonómico deu a coñecer nos Peares este plan, cun investimento que cifrou en 34 millóns de euros, anunciando “dferentes accións de mellora que non se detallaron”.

Denunciou a voceira que “os asistentes a esta reunión non recibiron o texto do plan nin a súa correspondente memoria económica” e que na actualidade “a web da Xunta de Galicia non permite acceder a ningún documento oficial que leve o nome de Plan Ribeira Sacra”. “Non sabemos como se chega a esa cifra de 34 millóns, quen e como a vai xestionar, ou que accións concretas se contemplan”, reprochou a Deputada provincial, responsable da área de Turismo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com