O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade garantir aos clubs lucenses o uso do Pazo dos Deportes e o ascenso do CB Breogán, o goberno iniciará así o procedemento de cesión destas instalacións ao club celeste garantindo, ao mesmo tempo, o dereito de uso do CB Estudantes e do Ensino, os outros dous equipos que fan uso do Pazo. A aprobación desta medida é fundamental para que o CB Breogán poida equilibrar a súa situación patrimonial e, polo tanto, para superar a auditoría á que será sometido nas próximas datas pola ACB, logo de proclamarse campión da LEB Ouro. Así o apuntou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, quen subliñou que “a cesión de uso gratuíto do Pazo, por un prazo ininterrompido de 35 anos, permitirá ao CB Breogán engadir as instalacións ao seu activo patrimonial de cara a afrontar con garantías as esixencias económicas que establece a actual primeira liga profesional de baloncesto”.
Por outra banda, Rivera Capón destacou que “se van a respectar os dereitos dos demais clubs que empregan o Pazo, posto que a Deputación seguirá a ter un control absoluto sobre as instalacións, garantindo ao resto de entidades lucenses que as empregan o acceso e utilización nos horarios que teñen establecidos, como sucedía ata de agora. Neste senso, xa mantivemos contactos tanto co Ensino como co Estudantes (os outros dos clubs que fan uso do Pazo) para explicarlles a situación, e mostraron o seu apoio”.
“Trátase, polo tanto, dunha cesión que se fai en beneficio de todos os equipos da provincia para dotalos dunha maior seguridade xurídica para que, pase o que pase e veña quen veña, sempre teñan garantido poder utilizar o Pazo. En definitiva, é un acordo garantista e continuísta, posto que os máis de 500 rapaces e rapazas que forman parte da canteira do Estudantes e os preto de 300 xogadores e xogadoras do Ensino seguirán a ser unha parte importante da actividade do Pazo dos Deportes”.