A Deputación garante os empregos das áreas verdes de Suplusa encargándolle o servizo a Tragsa

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé anunciou esta mañá que o Goberno provincial garantirá a continuidade do servizo de mantemento das zonas verdes e os postos de traballo dos 19 empregados e empregadas que veñen realizando estes traballos na Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa) encargándolle o servizo a outra empresa pública, como é Tragsa.

Como xa fixo público a Deputación, o Grupo Tragsa, formado por Tragsa e Tragsatec, pasa a ser medio propio instrumental da entidade provincial tras a compra dunha acción formalizada ante notario en Madrid o pasado martes, polo que pode encargarlle servizos ou traballos. O mantemento das zonas verdes, coa subrogación dos traballadores nas mesmas condicións salariais e laborais, será o primeiro encargo, ao que, como avanzou Tomé, poderanse sumar máis no futuro.

Con esta decisión, o Goberno provincial cumpre co compromiso de garantir os dereitos dos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos para SUPLUSA, un compromiso que o Presidente anunciou no propio Pleno celebrado o pasado 12 de setembro no que foi aprobado por unanimidade da Corporación provincial a disolución da Sociedade despois de que este ente mercantil perdese xa no 2018 a condición de medio propio a través dun acordo da Xunta de Goberno debido aos problemas que lle ocasionou á institución provincial no pasado mandato.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com