O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, o Alcalde de Pantón, José Luís Álvarez Blanco, e o Concelleiro de Cultura de Pantón, Roberto Eireos Sáez, presentaron esta mañá a XXV Edición da Mostra de Viños de Ferreira do Pantón, que terá lugar os días 12 e 13 de maio no Campo da feira, e na que participarán 8 adegas. Os Gobernos Provincial e Municipal destinan este ano 5.000 euros á celebración da cita dentro da súa aposta conxunta por impulsar e promocionar os produtos autóctonos e de calidade desta Comarca.
Vidal Baamonde avanzou na súa intervención que “o Goberno da Deputación apoia a Declaración do Concello de Pantón como municipio de Interese Turístico, unha proposta que foi aprobada na Xunta de Goberno o pasado 23 de febreiro”.
O Deputado destacou que “a achega económica enmárcase nas colaboracións que vimos mantendo dende o Executivo da Deputación cos diferentes Concellos e entidades que desenvolven Feiras do viño no sur da provincia, dentro da nosa aposta por poñer en valor e dar a coñecer a calidade dos seus produtos autóctonos”.
O Deputado de Turismo destacou que “coa promoción desta XXV Edición potenciamos e impulsamos o sector vitivinícola, o importante patrimonio románico da Ribeira Sacra, o turismo xeolóxico, e por suposto o turismo fluvial e o termalismo, así como a economía e a vida na vila desta zona da provincia”.
O Alcalde de Pantón, José Luís Álvarez Blanco, agradeceu a colaboración de todas as institucións que colaboran nesta cita, “que xa está consolidada no calendario festivo da Comarca, xa que este ano celebra a súa XXV edición. Ademais é unha oportunidade única para dar a coñecer as riquezas do noso Concello, e degustar a excelente calidade dos nosos produtos, como a empanada ou o porco ao espeto do que haberá unha degustación gratuíta para todos os asistentes”. Lembrou ademais que haberá charlas sobre o Románico que comezarán este venres. Por último, convidou a todos os visitantes a achegarse a Ribeira Sacra e desfrutar desta celebración.