O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, e outros membros da Corporación Municipal, supervisaron hoxe o inicio das obras da residencia e centro de día neste Concello. A Deputación asume con máis de 4 millóns de euros a construción desta dotación social que os veciños de Becerreá reclaman dende hai décadas.
Faino, segundo explica o presidente do executivo, porque a Xunta de Galicia se negou a facelo. O centro de maiores sitúase no antigo Fogar Escola, na Rúa Ancares 83; espazo que habilitou o Concello e onde a Deputación xa rematou coa demolición da infraestrutura existente. Ofrecerá 136 prazas aos maiores: 96 de residencia e 40 de centro de día.
Campos Conde destacou que “hoxe é un día de celebración para os veciños de Becerreá que por fin ven como se materializa este proxecto, que reclaman dende hai 35 anos. Con este centro de maiores queremos ofrecer aos veciños no seu propio Concello a atención profesional que necesitan para que non teñan que abandonalo; así como dinamizar económica e socialmente a que é a cabeceira da Comarca dos Ancares”.
Cómpre subliñar que máis do 35% dos veciños de Becerreá teñan máis de 65 anos de idade. O 60% supera os 50 anos. Segundo datos de xaneiro de 2018 do IGE, este Concello ten 2.800 habitantes. Hai 10 anos, a poboación era de case 3.300 habitantes. Becerreá perdeu un 15% de poboación na última década.
O declive demográfico e o envellecemento poboacional que sofre este Concello como a Montaña Lucense supón que a construción deste centro para maiores sexa unha necesidade social e unha oportunidade económica e laboral para esta zona.
Os veciños reclaman esta dotación dende 1.983, ano no que o Concello de Becerreá cedeu á Xunta de Galicia unha finca de 1.200 metros cadrados de superficie para a súa construción. Este proxecto chegou á fase de adxudicación pero nunca se executou. Neste espazo, construíuse un centro de servizos sociais.