A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o inicio dos traballos de renovación da cuberta do Pazo de San Marcos onde se invisten 345.000€. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno que explicou que son unhas obras que “quedaran suspendidas polo mal tempo a principios de ano”. Os traballos consisten en renovar a lousa da cuberta que presenta deficiencias.
Por outro lado, a deputada tamén deu conta de que hoxe quedou aprobado o orzamento definitivo para unha obra de emerxencia na estrada provincial LU-P-6604, no concello de Viveiro. Trátase dunha vía provincial que se veu afectada a finais de ano por un escorregón dunha ladeira e que provocou o corte polos desprendementos de terra que impedían o transito de vehículos por esta zona. As actuacións desenvólvense entre o quilómetro 0 e o 0,8, cun investimento que ascende aos 40.900€.
Ademais, a Xunta de Goberno de hoxe avanzou en diferentes aspectos en materia de emprego público. Por un lado, aprobáronse as bases que rexerán os procedementos selectivos para cubrir prazas do cadro de persoal funcionario e laboral reservadas á promoción interna na Deputación de Lugo.
Tamén, se lle deu luz verde á convocatoria e bases específicas para a cobertura dunha praza de auxiliar técnico, técnico informático, deseñador infografista e restaurador e conservador do arquivo, unhas prazas reservadas para promoción interna vertical. E en terceiro lugar, quedaron aprobadas as bases xerais polas que se establecen as normas para a elaboración de listaxes para a prestación de servizos de carácter temporal nos postos de veterinario, enxeñeiro técnico agrícola e para administrativo.