O Pleno da Deputación de Lugo aprobou esta mañá, co voto en contra do Partido Popular, a moción presentada polo Goberno Provincial para instar á Xunta de Galicia a que execute un plan de contratación de profesionais de atención primaria, de mellora de centros de saúde e atención pediátrica. Asemade, o Pleno da Deputación tamén aprobou, co non do PP, unha moción, na que se demanda á Xunta que se recuperen os investimentos de 2008 e 2009 para bibliotecas, fomento da lectura, edición de libros en galego, normalización lingüística e mesmo en cooperación ao desenvolvemento.
O Goberno Provincial destacou que mentres a Xunta de Galicia escatima fondos para a sanidade na provincia de Lugo, “o Goberno da Deputación inviste 9,6 millóns de euros, dende o ano 2015 ata a actualidade, para a atención profesional de máis de 10.000 veciños da nosa provincia” destacou a Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo.
O acordo tomado pola Corporación provincial a proposta do Grupo de Goberno inclúe medidas como realizar un plan de contratación de profesionais de atención primaria que permita ampliar o volume de persoal na nosa provincia e así evitar o peche de centros e a concentración de servizos, así como cubrir con garantías as baixas e vacacións sen que iso supoña unha saturación do sistema e unha perda de calidade asistencial.
Neste senso, López Izquierdo destacou que “dende a chegada do Partido Popular ao Goberno da Xunta de Galicia no ano 2009, a cifra de contratación de médicos é tan baixa e insuficiente que non chega a cubrir as necesidades do sistema na nosa provincia. Polo tanto, unha maior contratación de profesionais suporía non ter que concentrar servizos, achegando a atención necesaria e profesional á cidadanía”.
Outra das medidas deste acordo é establecer un programa de reforma e construcións dos centros de saúde na provincia de Lugo, que permita ampliar e mellorar a rede de centros actual, tendo en conta o tamaño e tipo de poboación a atender, así como criterios estratéxicos de fixación de poboación. E, tamén, desenvolver unha estratexia de mellora da atención pediátrica en primaria, de maneira específica, que contemple a ampliación da oferta formativa e unha política de discriminación positiva en materia de recursos humanos. “O 33% dos Concellos da provincia sofren na actualidade falta de persoal en atención pediátrica. Atopamos exemplos de municipios con grandes hospitais, como o da Costa en Burela, que continúan sen pediatra e debe desenvolver este servizo o profesional de medicina xeral” subliñou López Izquierdo.