Xornada de Pleno da Deputación e xornada na que a metade das mocións reivindicaban pedir á Xunta distintas melloras no eido social. Para empezar o equipo de Goberno, formado por PSOE e BNG, presentou unha proposta na que se demendaba un novo modelo de coidados de longa duración cunha perspectiva ingral que aborde a atención á dependencia no seu conxunto. Impulsada pola formación nacionalista, a primeira moción reclamaba á Xunta un reforzo do servizos de axuda no fogar e da teleasistencia, así como na creación de prazas en residencias e centros de día de titularidade pública.
Na defensa da proposta, a vicepresidenta da Deputación sinalou que “a Covid 19 puxo de manifesto as carencias na atención á dependencia e aos maiores” e puxo o foco na necesidade “dun modelo integral que facilite que as persoas maiores poidan quedar o maior tempo posible nas súas casas e que prime a creación de residencias máis pequenas, que ofrezan unha atención máis personalizada e que non supoñan unha ruptura abrupta das pesoas co seu entorno”.
Unha proposta que saiu aprobada malia a abstención dos populares que non apoiaron esta medida alegando que se trata dunha “moción hipócrita” e que aos grupos do goberno esquéceselles, dixo o voceiro popular, Javier Castiñeira, “instar ao Goberno Estatal a que financie o 50% do Servizo de Axuda no Fogar ao que se comprometeu”. Asemade, Castiñeira tildou de “discurso catastrofista” a xestión que fai a Deputación da política social.
Neste senso, a voceira socialista no goberno reprochou aos populares que as residencias da Deputación “son públicas mentres que a Xunta non só ten un sistema mixto, no que non só se inclúe un copago senón que convenia con residencias privadas”.
Asemade, o grupo socialista, presentou outra moción, na mesma liña, na que propoñía reclamar á Xunta un incremento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Moi na liña da anterior moción, pero máis centrada nun único servizo. Esta moción, que tamén contou coa abstención do PP saíu aprobada polos votos de PSOE e BNG. O voceiro socialista, Pablo Rivera Capón, volveu sobre o tema dos concertos con residencias privadas, que tildou dun “ eu invito, ti pagas”, e pediu á Xunta que deixe de cargar a concellos e veciños con custos, dixo, que non lles corresponden.
Pola súa banda, nesta ocasión, o voceiro dos populares foi José Antonio García quen asegurou que o SAF é un servizo moi demandado e moi necesario, polo que a análise,dixo, debe ser rigorosa, e, na súa opinión, o goberno provincial fai o contrario do que di; pois “estigmatiza a xestión público- privada pero aplícana alí onde gobernan”.
Declaración institucional
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes unha Declaración Institucional a favor da loita pola igualdade, plena e efectiva, e dos valores do feminismo, factores esenciais para acadar unha sociedade xusta e para a mellora da democracia. Os grupos políticos con representación no organismo provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor dun texto realizado conxuntamente con motivo do Día Internacional da Muller, que terá lugar o 8 de marzo.
Na declaración, a Deputación fai fincapé en que a crise sanitaria e a conseguinte crise social e económica provocada pola pandemia da Covid-19 afecta dun xeito máis grave ás mulleres e ás nenas, e que para cambiar esta realidade é imprescindible afrontar unha transformación social e estrutural dende a perspectiva de xénero, dende os valores do feminismo, dende a evidencia de que a crise da Covid está afectando máis ás mulleres e dende o convencemento de que o retorno á normalidade non é suficiente para as mulleres, porque a normalidade de antes de que chegase a pandemia seguía a estar baseada na desigualdade.