Xornada de Pleno hoxe na Deputación de Lugo e xornada de unanimidade en gran número de proposicións.
Así a moción do grupo socialista para instar á Xunta de Galicia a que cumpra o compromiso coa finalización da Rolda Leste do Concello de Lugo conseguiu o apoio de todos os deputados provinciais. O voceiro do goberno, Álvaro Santos, foi o encargado de defender esta proposta na que pedía ao ente autonómico unha partida especial nos orzamentos, con caracter de urxencia para rematar a Rolda Leste, o que permitiría avanzar na creación da gran circunvalación que rodearía a cidade de Lugo. O socialista resaltou a gran necesidade que supón esta infraestrutura para os veciños non só do Concello sino para todos aqueles da provincia que deben face uso do HULA.
“Foi o PSOE na Xunta de Galicia o que de verdade apostou por esta vía, da que tiña comprometidos 28 millóns, executando a primeira fase que vai dende a N-640 á LU-530 e deixando licitada a segunda, dende a estrada da Fonsagrada á Tolda de Castela” destacou Santos Ramos. O PSOE urxe ao Partido Popular autonómico a executar inmediatamente a segunda fase desta vía de comunicación fundamental, que daría acceso ao HULA, na zona leste da capital lucense, desconxestionando o tráfico da estrada do Rato que soporta, na actualidade,
5.000 vehículos diarios.
“Esiximos o cumprimento do compromiso adquirido no 2009 para a construción do segundo tramo da Rolda Leste e que a Xunta de Galicia asigne unha partida orzamentaria especial e con carácter de urxencia para levar a cabo a redacción do proxecto da Rolda Leste”, solicitaba Santos Ramos, quen criticou que a Rolda Leste é “outro exemplo máis das obras pendentes que ten o PP coa provincia”, como o Plan Paradai, en Lugo; o Porto Seco, en Monforte de Lemos; o arranxo da LU-651, en Folgoso do Courel; a estrada Friol-Palas de Rei; a traída de auga, en Navia de Suarna.
Pero a pesares de que todos os partidos e o deputado non adscrito, Manuel Martínez, deron o seu si a esta moción, tamén lembraron ao goberno de Darío Campos que ademáis de instar á Xunta a acabar os seus proxectos deberían instar tamén ao Concello de Lugo a saír do que tildaron de parálise “na que está instaurado”. Entre os exemplos de BNG e PP, estaban a praia fluvial, a peonalización e cuberta de Quiroga Ballesteros, a Biblioteca da Piringalla ou os ascensores de Fontiñas e Sagrado Corazón.
Outras mocións
A corporación provincial aprobou tamén por unanimidade a moción dos socialistas para instar á Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a mellorar a cobertura de telefonía móbil en todos os concellos da provincia, a proposta do BNG para instar a ADIF a que saque a vía de tren do centro de Parga e a moción do PP para iniciar a construcción da Residencia da terceira idade do Courel.
Do mesmo xeito, quedaron aprobadas tamén, aínda que sen todos os votos positivos, a proposición do BNG para que a Deputación realice os trámites oportunos para converter o Mirador de Mondoñedo nun Centro de Inmersión Lingüística e a proposta popular para que a Deputación execute o ensanche e mellora da circunvalación do Burgo.