O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou esta mañá que “dende o Goberno da Deputación investimos outros 14 millóns de euros na execución de 310 novas obras nos 67 Concellos. Con estes fondos, acadamos nestes dous anos e medio á fronte deste Executivo Provincial un investimento de 90 millóns neste eido, facendo que a Deputación sexa a administración que lidera a obra pública na provincia, contribuíndo ao mantemento de emprego e mellorando os servizos públicos aos nosos veciños”.
Campos Conde fixo referencia deste xeito ás 310 obras dotadas de 14 millóns de euros, que o Goberno da Deputación presenta ao Pleno de mañá para a súa aprobación e posterior execución. Trátase de actuacións solicitadas polos municipios e financiadas ao abeiro do Plan Único. Representan o 66% dos fondos desta programación que se distribúen en base á superficie, poboación, taxa de envellecemento, paro e núcleos poboacionais de cada Concello.