O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, informou este venres que o Executivo Provincial investiu esta semana máis de 522.000 euros no impulso do deporte e mellora de instalacións deportivas, especialmente no rural. Así o informou Rivera Capón logo de aprobar na Xunta de Goberno actuacións por valor de 370.000 euros en dotacións deportivas, que, engadido ás presentadas esta semana, suman ditos 522.000 euros.
20.500 euros irán destinados para obras no campo de fútbol de Cazás, en Xermade. Este orzamento servirá para a construción dun peche perimetral deste campo de fútbol, no que adestran e xogan os veciños do equipo desta parroquia. Deste xeito, evitarase que os animais salvaxes, como é por exemplo o xabaril, destrocen o terreo de xogo.
Por outra banda, 335.000 euros son para a construción dun novo campo de fútbol e mellora do existente de Taboada. Deste xeito, coa modificación aprobada hoxe, este municipio disporá de 2 campos de fútbol. Así se fixo logo das recomendacións feitas pola área de deportes e en base ás reivindicacións dos propios clubs e usuarios. Con estes fondos, construirase un novo campo de fútbol no Concello, que está situado ao carón do vello, de herba artificial; e mellorarase o terreo de xogo do actual campo municipal, instalando un sistema de rego para o acondicionamento deste campo, que é de herba natural.
Este orzamento engádese aos 152.000 euros aprobados esta mesma semana, en diferentes actuacións como dotar dun novo cortacéspede ao Club de Fútbol de Bóveda Hermanos Somoza (6.000 euros), garantir a apertura, no vindeiro curso, da piscina cuberta da Pastoriza (130.0000 euros) ou celebrar a 1ª Copa Deputación de Fútbol Sala, que reunirá a 300 xogadores e xogadoras de 29 equipos (16.000 euros).
“En definitiva, tan só nesta semana destinamos 522.000 na promoción do deporte na nosa provincia, a través da mellora de instalación deportivas municipais, dentro da nosa defensa pola mellora dos servizos públicos, así como coa celebración de competicións deportivas de 1º nivel, como é a Copa Deputación de Fútbol Sala”, apuntou Rivera Capón.