O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón avanzou que o Goberno da Deputación aprobou en Xunta de Goberno un investimento de 92.686 euros para a mellora de dúas estradas do rural no Concello de Láncara. “Trátase dos primeiros 800 metros da LU-P-2704, da Veiga de Anzuelos, por Trasliste, a Bande, e 3,3 quilómetros na LU-P-5706, de Morelle, por Seteventos, a Mosteiro. Este novo investimento, súmase aos máis de 300.000 euros que o Executivo Provincial destinou para a mellora da LU-P-2703 entre A Pobra de San Xiao e Carracedo na que se actuou na súa totalidade”, sinalou o Deputado.
Con este investimento, o Executivo Provincial continúa a ser o motor económico e social da provincia, investindo na mellora das comunicacións en todos e cada un dos municipios da provincia, e dentro da aposta por converter a Lugo nunha provincia que conte con servizos básicos de calidade que permitan unha mellor calidade de vida dos veciños, en especial os do rura.
Estes novos traballos, que consistirán na limpeza de cunetas, o acondicionamento do firme con aglomerado en quente e o incremento da seguridade coa mellora de sinalización vertical e repintado, beneficiarán aos máis de 450 veciños desta zona.