A Deputación de Lugo lanza unha nova vía para a promoción dos recursos turísticos da provincia coa edición de tres documentais temáticos, centrados no turismo científico, na gastronomía e no Camiño de Santiago. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo explicou que a institución decidiu impulsar a producións destes traballos audiovisuais, cunha duración aproximada de 50 minutos cada un, para seguir “contribuíndo a potenciar o sector turístico na provincia e a dinamizar a súa actividade a través do modelo polo que apostamos dende a Deputación, un turismo sostible, de calidade, que pon en valor o noso patrimonio, tanto natural, como cultural ou gastronómico, e que crea emprego, sobre todo no rural”.
Para arrancar a súa difusión, a deputada avanzou que os novos documentais serán enviados a todos os institutos públicos da provincia e tamén aos sete centros de atención a maiores cos que conta a Deputación para que poidan utilizalo como recurso ao redor do que traballar nas aulas e nas propias residencias. “Máis alá de futuras accións de difusión, parécenos unha boa fórmula poñer a disposición dos centros educativos e das residencias este material para seguir dando a coñecer a inmensa e variada riqueza patrimonial coa que contamos na nosa provincia entre os propios lucenses, algo que xa estamos a facer con outra iniciativa tan importante como é o programa Coñece a túa Provincia, do cal arrancaremos a segunda tempada a vindeira semana e co que buscamos precisamente a dobre finalidade de fomentar o coñecemento da riqueza patrimonial da provincia entre a propia veciñanza e apoiar a actividade dos sectores hostaleiro, turístico e comercial, dos máis prexudicados pola pandemia”.