A Deputación mellora 10 quilómetros de estradas provinciais en Navia de Suarna

O Vicepresidente da Deputación e Deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, supervisaron esta mañá o comezo das obras de mellora de tres vías provinciais neste Concello da Montaña Lucense. O Executivo da Deputación renovará o firme destas estradas con aglomerado en quente nun total de 10 quilómetros, cun investimento de 530.000 euros.

En concreto, son a LU-P-3501 “da LU-722, por Paradela, ao Alto do Restelo”, na que se executarán traballos nun treito de 2,7 quilómetros, dende o punto 7,7 ao 10,4; a LU-P-3509 “de Navia, por Virigo, a Alto de Labiadas”, que se mellorará nun treito de 5,1 quilómetros, do punto 4,3 ao 9,5; e, finalmente a LU-P-3512 “de Cancela da Serra, por Son e Robledo, á LU-722”, na que se renovará o firme en 2,2 quilómetros.

Fernández Queipo subliñou que “con estas actuacións completamos a renovación integral da LU-P-3501 e a LU-P-3509, nas que xa acometéramos obras de mellora, beneficiando directamente aos preto de 150 veciños das parroquias de Galegos, Fin, Villarpandín, Santa Mariña (Ribón) e Sevane, que empregan a diario estas estradas para os seus desprazamentos. Trátase de arterias de comunicación fundamentais para o Concello de Navia de Suarna, pois a LU-P-3501 é unha das vías máis empregadas para ir a Lugo; mentres que a LU-P-3509, conecta cos Ancares e Cervantes”.

O Vicepresidente engadiu que “as actuacións que levaremos a cabo na LU-P-3512 correspóndense coa primeira fase de mellora, pois o obxectivo é así mesmo renovala completamente. Esta estrada dá servizo a tres parroquias: Son, Folgueiras e Vallo, de modo que cos traballos de mellora que estamos a executar damos resposta á demanda dos preto de 70 veciños que viven en ditas zonas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com