O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, informou esta mañá sobre a aprobación na Xunta de Goberno do inicio da contratación de melloras por valor de máis de 1,5 millóns de euros en 20 quilómetros de 4 estradas provinciais, que discorren polos Concellos de Cervantes, Friol, Baralla, Becerreá, Castro de Rei e Pol.
As obras se acometerán na vía LU-P- 0702, de Becerreá a Navia por San Román de Cervantes. O Goberno da Deputación achega 800.000 para o acondicionamento de 10 quilómetros en 3 treitos que discorren polo municipio de Cervantes.
Na LU-P- 2101 de Friol a Parga, o Goberno da Deputación achega 200.000 euros para a mellora de 2,5 quilómetros. Con estas actuacións, o Executivo Provincial remata así o arranxo integral desta vía, na que leva investido máis de 1 millón de euros e que une Friol e Guitiriz, sendo un dos principais accesos da zona á A-6.
A LU-P- 0508, da LU-170 por Castrolanzán tamén será mellorada polo Executivo Provincial cunha achega de máis de 205.000 euros para a mellora de 2,5 quilómetros no Concello de Baralla, principalmente, e dun treito máis curto en Becerreá.
Por último, tamén se mellorará a LU-P- 1611, de Castro de Rei a Pol na que a Deputación inviste 360.000 euros no arranxo de 4,5 quilómetros, que discorren polos Concellos de Castro de Rei e Pol.
Asemade, a Deputación aprobou con máis de 200.000 euros a contratación de 7 autónomos e pequenas empresas da provincia para a realización dos traballos de roza en estradas provinciais de 16 Concellos. Tras anunciar fai dúas semanas a roza de estradas noutros 31 municipios; Santos Ramos adiantou que nas vindeiras semanas, adxudicarán tamén os traballos de roza nas estradas provinciais dos 36 Concellos restantes da provincia con outros 440.000 euros.
Noutro orden, a Xunta de Goberno provincial aprobou tamén a contratación de 13 desempregados lucenses que comezarán a traballas nas vindeiras semanas ao abeiro do Ben Empregado 3, máis social.