O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro López, asinaron esta mañá a contratación das obras para a mellora de máis de 2 quilometros da estrada LU-P-2703 de Pobra de San Xiao a Carracedo.
Estas actuacións, que contan cun investimento do Executivo Provincial de 340.000 euros, consistirán no ensanchamento da vía, na mellora do firme con aglomerado en quente, na limpeza de cunetas e no incremento da seguridade coa sinalización vertical e horizontal.
Campos Conde destacou que “con estas novas actuacións na LU-P-2703 satisfacemos unha vella demanda dos veciños lancareses, mellorando unha da arterias principais do Concello, pois trátase dunha das estradas que conecta a localidade de Láncara coa da Pobra de San Xiao, que soporta unha gran cantidade de tráfico rodado, beneficiando directamente aos máis de 1.000 veciños que viven nestes dous núcleos rurais. Anteriormente, dende o Executivo Provincial melloramos con outros 800.000 euros esta vía. Con estes novos traballos arranxaremos de forma íntegra a estrada que une Pobra de San Xiao con Carracedo, cun investimento total de 1,1 millóns de euros”.
O Alcalde agradeceu á Deputación o seu esforzo e implicación “por mellorar a calidade de vida de todos e cada un dos lancareses. Con estes novos traballos cóbrese unha reivindicación de todos os veciños do Concello pois esta é unha vía fundamental e estratéxica para o noso municipio, sendo unha das dúas estradas que enlazan Láncara coa Pobra de San Xiao. A outra trátase da LU-621, de titularidade autonómica, que tras o anuncio da Deputación de arranxar integramente a estrada provincial, a Xunta de Galicia decidiu, tras máis de 25 anos de loita e de espera, acondicionala. Por fin, os lancareses teremos unhas infraestruturas seguras e de primeiro nivel”.