A Deputación merca 49 desfibriladores para os concellos

A Deputación de Lugo aprobou, na Xunta de Goberno celebrada este venres, a adxudicación do contrato de subministro de 49 desfibriladores semiautomáticos por un importe que supera os 51.300€ para a súa instalación nos concellos adheridos ao programa provincial Lugo, Provincia Cardiosaludable.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, resaltou que esta acción “enmárcase dentro da nosa aposta polas políticas sociais e responde ao noso firme compromiso de cooperación cos concellos, para que poidan prestar servizos públicos á veciñanza da mellor calidade aforrado custos”.

Con este programa, a Deputación de Lugo contribúe a mellorar a protección dos veciños e veciñas da provincia ante posibles fallos cardíacos. “É moi importante contar con equipos desfibriladores nas instalacións públicas para reducir ao mínimo posible o tempo de resposta ante unha parada respiratoria. Estamos falando da diferencia entre a vida ou grave secuelas, ou mesmo a morte”, sinalou Rivera Capón.

Adxudicación de 95 hortos no Río Rato

Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde á convocatoria dun proceso de concorrencia competitiva para conceder os 95 hortos urbanos da Deputación de Lugo no Paseo do Rato que quedaron libres tras a primeira fase de adxudicacións.

Esta convocatoria, que sairá publicada a principios da próxima semana no Boletín Oficial da Provincia (BOP), está dirixida a persoas e entidades que non foran usuarias destes terreos con anterioridade e primará criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros.

Arranxo da estrada Paradela-Currelos

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo para acometer as obras coas que a Deputación de Lugo completará o arranxo da conexión por estrada entre Paradela e Currelos, no Saviñao. Rivera Capón recordou que “estas melloras
afectan a 12 quilómetros das estradas LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818, e acométeranse cun investimento de medio millón de euros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com