A Deputación de Lugo reclamará á Xunta de Galicia que os concellos xestionen o 15% dos fondos de axudas para paliar os efectos da Covid-19, logo de que as entidades locais se viran na obriga de asumir competencias impropias durante a pandemia como a desinfección de centros educativos. Así se decidiu na sesión ordinaria do Pleno provincial do mes de abril, que se celebrou este martes, tras a proposta presentada polo grupo socialista.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, defendeu que “a loita contra a Covid ten suposto para os concellos atender novas necesidades da veciñanza nun contexto de incerteza e dificultade, no que ao devir sanitario foise sumando o impacto socioeconómico da pandemia”.
“A Xunta de Galicia non deixou de esixir aos concellos que asumisen competencias impropias tan custosas como a desinfección dos centros de ensino ou que controlasen medidas excepcionais como o toque de queda ou as limitacións á mobilidade, sen ter en conta as dimensións reais dos cadros de persoal da Policía Local ou Protección Civil”, manifestou a Deputada.
García Porto amosou o apoio do Goberno da Deputación a petición da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para que as entidades locais xestionen unha porcentaxe dos fondos Covid e apuntou que “a Xunta ten uns orzamentos de 11.500M€. A Xunta recibiu aproximadamente 1.100M€ do Goberno e da UE e non tivo en conta ós concellos á hora de empregalos”. A voceira socialista sinalou que dende o primeiro momento os concellos deron resposta á veciñanza con “lealdade e sentido da responsabilidade, poñendo sempre a seguridade e a atención por riba de calquera outra cousa” e que “non deixaron de reclamar a achega de fondos necesarios para facer fronte á situación”, pero que a Xunta “só fixo ouvidos xordos”.