A Deputación pídelle á Xunta, co voto en contra do PP, que manteña aberto o colexio público de Baamonde

A Deputación de Lugo pediralle á Xunta de Galicia que manteña aberto o colexio público de Baamonde, en Begonte, e manifesta o seu apoio á veciñanza e á Asociación de Nais e Pais de Alumnos, que demanda que non se pechen estas instalacións educativas. Así o acordou este martes o Pleno provincial, cos votos en contra do Partido Popular, a raíz dunha moción presentada polo PSdeG.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asegurou que “o que non podemos é querer fixar poboación no rural quitándolle servizos públicos porque son cuestións contraditorias que van en contra das familias e dos pequenos, que estamos vendo como se están matriculando no CEIP Santo Estevo de Parga”. Avanzou tamén ao inicio da sesión plenaria que “neste caso pode haber intereses privados detrás desta decisión da Xunta”.

A reclamación vai dirixida á Consellería de Educación co fin de que garanta o mantemento do colexio, que desbloquee a matrícula para o próximo curso e que aclare os plans do Alcalde de Begonte. “Resulta insólito que un Alcalde do rural queira pechar unha escola pública”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. “O Conselleiro de Educación xoga ó despiste, pero coa súa inacción deixa avanzar a política de feitos consumados do Alcalde”.

Para García Porto, “o que acontece en Begonte é un novo episodio, moi grave, de ataque ós servizos públicos no rural por parte dos alcaldes e da Xunta do PP. É inaceptable que se recorten servizos no rural cedendo un edificio público a unha iniciativa privada”.

A Deputada subliñou que “non queda claro quen vai gañar con esta decisión porque está claro que o alumnado non gaña, tampouco as familias, nin os docentes e incluso o Alcalde ten manifestado que podería perder concelleiros por este peche. Polo tanto, o pobo de Baamonde non gaña nada”.

Durante o debate, Pilar García Porto instou a que se aclare o proxecto de dotar a Begonte, Rábade e Outeiro de Rei dun Conservatorio de grao medio que fora anunciado en febreiro do ano pasado por Armando Morales, director da escola de música. Segundo as súas declaracións, a Xunta de Galicia tiña comprometida unha inversión de 360.000 euros para a compra dun edificio que albergaría o Conservatorio. Sen embargo, a finais de ano, o Alcalde fixo seu o proxecto e presentou ós veciños un plan que contemplaba o peche do CEIP de Baamonde para dedicar o edificio á ensinanza musical.

“Para incrementar a confusión, a Asociación Músico Crisanto, da que depende a actual escola de música, anunciou que o próximo curso disporá das novas instalacións no colexio de Baamonde. Todo iso sen que o DOG teña publicado ningunha resolución oficial sobre un posible peche ou a desafección do centro”.

Plan Único 2021

Na xornada de hoxe o pleno acadou unanimidade na a distribución de fondos do Plan Único 2021, que inxectará 21,5 millóns de euros na provincia. Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán o 70% do total dos fondos, seguido da creación de emprego, á que destinas 3,5M€ cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 800.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da Covid-19.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, subliñou a importancia de darlle o visto bo a estas actuacións no mes de marzo porque “nunca antes se fixo con tanta antelación, o que permite que os concellos se organicen mellor e teñan máis tempo para desenvolver as actuacións”.

Durante o debate, e malia que os populares apoiaron esta moción, non faltaron os tiróns de orellas hacia o presidente do Goberno provincial, por parte da oposición. O voceiro popular, Javier Castiñeira, asegurou que tiña que ser un plan “máis ambicioso” logo da crise social e económica que se está a dar a trala pandemia da covid.

 

Novas relacionadas

  1. Luis Díaz
    Mar 30, 2021 - 05:08 PM

    … en Baamonde, por suposto.

    Reply
  2. Luis Díaz
    Mar 30, 2021 - 05:07 PM

    Xa veredes como nas próximas elecions arrasa o PP.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com