A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentou hoxe a primeira edición dos premios Emprendendo no Rural, a iniciativa que pon en marcha o Goberno da Deputación para fomentar a creación de empresas na provincia, achegando 50.000 euros.
López Izquierdo explicou que “dentro da nosa clara aposta e compromiso de traballar por unha Deputación co rural, axudaremos a un total de 5 emprendedores que desexan abrir un negocio no rural, e precisan dun pequeno pulo para facelo. Son 5 axudas da Deputación destinados a outros tantos proxectos empresariais no rural. Dende o Executivo Provincial apostamos polo medio rural coma un medio de oportunidades no que se poden desenvolver iniciativas laborais e empresariais relevantes para a economía e o desenvolvemento da nosa provincia, e os premios que hoxe presentamos son unha mostra máis desta firme convicción”.
A Deputada explicou que, ademais da xeración de emprego e fixación de poboación no rural da provincia, o Emprendendo no Rural, busca contribuír ao recoñecemento de proxectos orixinais e innovadores na nosa provincia, baseados en calquera actividade que contribúan á creación de novos postos de traballo no lugar no que se afinquen, para establecer o medio rural lucense como motor xerador de riqueza”.