A Deputación promocionará o consumo do leite producido en Galicia

A presidenta da Deputación, Elena Candia, anunciou que dende o goberno provincial tomouse a decisión de iniciar unha campaña para promocionar a marca de leite Galega 100% (selo que distingue aos produtos lácteos galegos de calidade superior) na provincia e, deste xeito, incentivar o consumo deste produto galego.

Candia explicou que “deste xeito unímonos ao traballo da Xunta de Galicia, xa que con máis apoio institucional o alcance tamén será maior” e , neste senso, a presidenta matizou que a campaña se desenvolverá en coordinación cos hostaleiros a través da Asociación Provincial de Hostalería. “Traballaremos cuns dos principais consumidores directos de leite, para que vendan produto galego 100% o que tamén terá un efecto de imaxe para os seus clientes”.

Candia asegurou que se está a cumprir cunha das demandas que lle transmitiu o sector: a de que o consumidor “de xeito áxil visualice que ese leite é 100% galego”. Deste xeito  “un veciño que tome deste leite saberá que está a axudar ao sector primario e aos nosos gandeiros que están a pasar un momento complicado”.

Asemade na xunta de goberno celebrada esta mañá a Deputación de Lugo aprobou  conceder á Federación Provincial de Confrarías unha subvención directa excepcional para dotar de medios materiais (traxes de neopreno) aos mariscadores activos afiliados ás confrarías; así como para divulgar e promocionar as actuacións que realiza a Federación.

O deputado delegado de Pesca, Demetrio Salgueiro, defendeu a importancia desta subvención que permitirá, dotar ás mariscadoras dos medios materiais para que podan garantir con seguridade o seu traballo.

E continuou  “Defender, fomentar e axudar ao sector pesqueiro supón garantir o sustento dun número moi importante de traballadores, axudar a fixar poboación nas localidades costeiras e contribuír na consolidación do importante entramado económico que xera ao seu carón, entre outros”, matizou o deputado

A presidenta da institución tamén explicou que se continúan a facilitar os trámites administrativos tanto a concellos como a comunidades e asociacións para que podan xustificar as súas actividades en prazo e non perdan a subvención concedida pola administración provincial.

En concreto, na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse a prórroga de prazo de execución das actividades subvencionadas ao abeiro do Programa de mellora de abastecemento e da calidade de auga no medio rural, de tal xeito que este prazo se amplía ata o 30 de setembro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com