O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Presidente da Asociación Cabaleiros de Begonte, Agustín Vázquez Gómez, presentaron hoxe nos xardíns do Pazo de San Marcos, a VI Ruta Cabalar de Begonte que se celebrará o día 21 de xullo no entorno do Pavillón Escolar da localidade. A Deputación de Lugo é o principal patrocinador desta cita cunha achega de 3.000 euros, que se inclúe dentro da súa programación de eventos lúdicos nos diferentes concellos da provincia, como unha das liñas do seu Plan Estratéxico de Turismo.
Santos Ramos destacou “a gran labor cultural que realiza a Asociación Cabaleiros de Begonte con estas actividades ecuestres, xa que ademais de promover a afección por este deporte, contribúen á promoción turística e económica da comarca, ao transcorrer esta ruta por algunhas das paraxes máis fermosas de Begonte fomentando ademais a vida en torno ao deporte”.
O Presidente da Asociación Cabaleiros de Begonte convidou a todos os visitantes a acercarse a esta cita que “será unha boa oportunidade para gozar da hípica nun entorno familiar” e avanzou que haberá sorteos e premios.