O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias González, e o Presidente da Asociación de Ferreiros, José Manuel Cobo, xunto a outras autoridades, presentaron esta mañá a XII Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, que se celebrará o vindeiro domingo, 15 de abril.
A presentación tivo lugar na Forxa de Manolo de Viñabella e, durante o acto, tivo lugar unha demostración en vivo de artesanía do ferro. Campos Conde subliñou “o compromiso do Executivo Provincial con esta cita, coa que mantemos unha estreita colaboración nos últimos anos, posto que se ten convertido nunha referencia na nosa provincia. Deste xeito, achegamos 11.000 euros para a celebración desta décimo segunda edición da feira, que logra atraer a milleiros de persoas ao municipio”.
O Presidente engadiu que “recentemente asinamos un novo convenio de colaboración coa Asociación de Ferreiros de Riotorto para a promoción do traballo destes profesionais, un traballo que forma parte da nosa historia e que, sen dúbida, se trata dunha sinal de identidade cultural e dun atractivo turístico da nosa provincia, especialmente, na Mariña Oriental”.
O convenio, por valor de 10.500 euros, permitirá a instalación nos obradoiros do ferro de Riotorto de paneis informativos e explicativos da historia deste oficio tradicional e da elaboración de produtos, para unha maior visibilidade. Ademais, os artesáns contarán cun deseño especial de embalaxe das súas pezas, cos que promover a súa marca. Deste xeito, serán pezas de artesanía feitas de madeira, nas que se comercializarán as súas pezas de ferro.
Outros 10.000 da Xunta
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro participou tamén na presentación desta Feira da Artesanía do Ferro, onde explicou que a Xunta de Galicia ten entre as súas liñas estratéxicas o apoio ás actividades de
demostración de oficios tradicionais, e de aí que a Fundación Pública Centro de Artesanía de Galicia apoie con preto
de 10.000 euros esta cita, achega destinada ás demostracións dos ferreiros e ás vendas dos seus produtos.