O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente do Burela FS Pescados Rubén, Manuel Blanco Fanego, asinaron un convenio, por valor de 10.000 euros, para promover o deporte feminino na provincia de Lugo, a través do conxunto mariñán. Con esta achega, o Goberno da Deputación contribúe a financiar os gastos derivados da tempada como desprazamentos, arbitraxes ou material de adestramento, permitindo ao club laranxa continuar co seu proxecto deportivo, na elite do fútbol sala nacional, sendo unha referencia en España.
Campos Conde subliñou que “o Burela FS é un exemplo non só no ámbito deportivo, senón tamén no social, pola súa férrea aposta pola igualdade a través do fútbol sala. Por iso, queremos estar ao seu carón, como unha institución que traballa neste mesmo sentido para conseguir unha sociedade cada vez máis xusta e inclusiva. As rapazas do club representan uns valores de superación e constancia cos que nos sentimos identificados e, por iso, é un orgullo poder colaborar con elas”.
O Presidente engadiu que “o club mariñán tense consolidado nos últimos anos como unha entidade de gran prestixio tanto polos seus resultados deportivos, como pola súa labor educativa, traballando dende a base ata os equipos profesionais na posta en marcha de iniciativas que potencien a igualdade no deporte. Mostra disto, é a aplicación dun novo convenio colectivo ás xogadoras do primeiro equipo”.
O Pescados Rubén-Burela FS é o primeiro club galego en lanzar na campaña 2018-19 o convenio colectivo de fútbol sala feminino, en favor da igualdade de xénero, partindo do acordo xa existente para o fútbol sala masculino, e axeitándoo á realidade e ás necesidades do deporte feminino. Entre as medidas destaca o feito de que se unha xogadora queda encinta, o club renovará o seu contrato por un ano automaticamente.