A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, quere trasladar os parabéns a Benedicta Sánchez polo Premio Goya á mellor actriz revelación, que recibiu pola súa interpretación na película O que arde, dirixida por Oliver Laxe.
A Vicepresidencia promoverá un acto de recoñecemento á actriz do Corgo, que debutou no cinema aos 83 anos como coprotagonista do filme, no que encarna á nai dun pirómano que volve á casa materna tras saír do cárcere.
A cinta, gravada en Navia de Suarna e que coprotagoniza o fonsagradino Amador Arias, contou coa colaboración da Deputación de Lugo. O que arde é a película en galego máis vista en salas da historia e tamén foi o primeiro filme no noso idioma recoñecido no Festival de Cannes, certame no que obtivo o Premio do Xurado.