O Goberno da Deputación de Lugo levou ao Pleno ordinario de hoxe unha proposta para pedir á Xunta de Galicia que incorpore o uso de drons á atención sanitaria no rural. O Executivo autonómico licitou en setembro un plan para axudar aos peregrinos con problemas cardíacos a través de desfibriladores, que chegarán a localizacións xeográficas complexas mediante dispositivos aéreos non tripulados.
A institución provincial considera que este tipo de programa non debe limitarse ao Camiño de Santiago, senón que ten que se plantexar como unha opción para explorar a mellora na atención sanitaria en caso de doenzas cardíacas ou doutro tipo de patoloxías nas que a intervención rápida resulta fundamental.
A Xunta asegura que os desfibriladores, cos que estarán dotados os drons para cubrir os 160 quilómetros do Camiño Francés en Galicia, son de uso sinxelo e a persoa que acompañe ao paciente estará guiada por persoal sanitario desde a Central de Coordinación do 061. A Deputación entende que a incorporación tecnolóxica que supoñen os drons, combinada co programa Lugo, provincia cardioprotexida —posto en marcha pola institución provincial cun investimento inicial de 60.000 euros e que permitirá dotar a 49 Concellos de desfibriladores e formación para o seu uso—, e coordinada coa rede de centros sanitarios, unidades móbiles e ambulancias, pode supoñer unha ferramenta importante para garantir os tempos de resposta máis rápidos en zonas de difícil acceso.
A Deputación considera que “o uso das novas tecnoloxías pode abrir un novo campo á hora de achegar a atención sanitaria ás persoas residentes en zonas rurais de poboación dispersa ou acceso complexo. Os servizos sanitarios son un factor capital á hora de fixar poboación no rural e cumpre explorar todos os camiños de mellora para contribuír a frear e reverter os procesos de despoboamento”.
Coa moción, o equipo de goberno solicita á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan integral que incorpore o uso de drons á prestación sanitaria pública; dotar da correspondente partida orzamentaria ao devandito plan; e establecer os mecanismos de coordinación necesarios.