A Deputación de Lugo vén de propoñer á Xunta de Galicia comarcalizar o parque de Bombeiros do concello lucense para estender a cobertura de emerxencias aos veciños do Corgo, Castroverde, Pol, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Guntín, Rábade e Friol.
O Presidente da Deputación e do Consorcio, José Ramón Gómez Besteiro, deu traslado desta proposta ao Pleno reunido hoxe no Pazo de San Marcos e anunciou que o organismo provincial está disposto a facer o esforzo económico de asumir a parte correspondente do custe desta ampliación, uns 300.000 euros en total, que se financiarían ao 50% por Deputación e Xunta.
Gómez Besteiro destacou a necesidade de mellorar os servizos prestados aos veciños destes Concellos “buscando a eficacia e a eficiencia da xestión”, de aí a proposta dese convenio entre o Consorcio e o Concello de Lugo para estender o ámbito territorial do parque lucense no canto de poñer en marcha un novo parque comarcal.
O proxecto de convenio que regularía esta ampliación de ámbito territorial foi elaborado polos propios bombeiros do parque lucense e establece un sistema de quendas e gardas que permitirían dar servizo a estes oito concellos sen desatender as necesidades do municipio lugués.
Gómez Besteiro destacou que esta ampliación terá que contar co acordo do Consorcio e do Concello de Lugo, aos que a Deputación remitirá o texto de dita proposta.
Gómez Besteiro: