A Deputación recibe aos nenos afectados pola radiación de Chernóbil

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Mari Teijeiro, acompañada polo Deputado delegado da área de Turismo, Patrimonio, Artesanía e Deseño, Juan Carlos Armesto, presidiu esta mañá a recepción aos nenos afectados pola radiación de Chernóbil que pasarán o verán na provincia.

No acto oficial, no que tamén participaron os representantes da Asociación Ledicia Cativa, Mari Teijeiro puxo en valor “a necesaria solidariedade e a altura de miras” das familias luguesas que acollerán aos doce nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos e dos que a maioría (9 deles) quedarán na capital da provincia.

“Un ano máis, a sociedade luguesa volve dar mostra da súa xenerosidade diante dunha catástrofe nuclear acontecida a tantos quilómetros”, asegurou a vicepresidenta da Deputación, quen explicou que os menores proceden da localidade de Novozhybkov, na rexión de Brinsk, cuns niveis de contaminación radioactiva moi elevados.

De feito, os menores contan cun grao de radioactividade superior aos 15 curíes por quilómetro cadrado, o que é 30 veces superior ao limiar mínimo a partir do que o corpo humano é susceptible de desenvolver enfermidades derivadas de radiación.

Entre os obxectivos do programa atópanse, ademais da recuperación física e sanitaria destes menores afectados pola radiación de Chernóbil, promover o desenvolvemento de vínculos afectivos e culturais e o desenvolvemento integral dos nenos e nenas en valores familiares e sociais.

“É un proxecto no que gañan as dúas partes, polo que a Deputación de Lugo seguirá colaborando financieiramente con estas iniciativas de estímulo á solidariedade da provincia”, comprometeuse Teijeiro, para quen é “esencial” a consolidación destes programas.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo destacou que “o feito de que a maioría dos nenos e nenas repitan demostra a conveniencia e a oportunidade deste tipo de proxectos solidarios” e insistiu en que “tanto as familias que acolleron aos nenos saharauis aos que onte recibimos como os que o fan cos nenos de Chernóbil constitúen unha excelente carta de presentación da solidariedade, a xenerosidade e a humanidade que caracterizan á sociedade lucense”.

Ademais, a Área de Turismo da Deputación de Lugo ofrecerá aos menores e ás familias un percorrido en catamarán polos Canóns do Sil. A viaxe, no catamarán Mencía, realizarase este sábado, ás 11:30 horas, e durará preto de dúas horas, durante o cal irán acompañados por uns guías que lles mostrarán todos os valores naturais e culturais da zona.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com