A Deputación reclama á Xunta a reapertura do consultorio sanitario de Oural

A Deputación reclama á Xunta de Galicia a reapertura do consultorio sanitario de Oural para dar aos veciños desta parroquia de Sarria o servizo médico “ao que teñen dereito”. O Pleno da Deputación aprobou hoxe esta moción presentada polo Grupo Socialista na que a Corporación provincial insta á Xunta a iniciar os trámites para reabrir o consultorio sanitario da parroquia de Oural, que o Goberno de Feijóo pechou no ano 2011.

O Deputado de Innovación e Participación Cidadá, Pablo Rivera Capón, denunciou que “os veciños e veciñas da parroquia de Oural son un claro exemplo do desmantelamento da sanidade pública por parte da Xunta, a pesar de estar obrigada a ofrecer a todos os galegos que e galegas unha sanidade pública de calidade e eficaz”.

Rivera Capón lembrou que os veciños de Oural “dispoñían dun consultorio dotado con persoal para atender consultas médicas ata o ano 2011, cando a Xunta decidiu pechalo. Este servizo daba asistencia sanitaria a unhas 1.200 persoas, residentes non só en Oural, senón nun total de 8 parroquias próximas”.

“A supresión do consultorio obriga aos veciños a viaxar máis de 9 quilómetros para recibir atención sanitaria no Centro de Saúde de Sarria, situación que se agrava pois tampouco dispoñen dun transporte público, tralos recortes no traxecto Monforte-Lugo, que permita este traslado con relativa facilidade e frecuencia suficiente. Se a isto se engaden variables demográficas, como o avellentamento da poboación, a importancia de reabrir o consultorio resulta evidente”, destacou o Deputado de Innovación e Participación Cidadá.

Coa iniciativa socialista aprobada polo Pleno, a Deputación asume a demanda que fan os veciños, algún deles presentes na Sesión Plenaria, nunha campaña para a recuperación do consultorio sanitario. Máis de 1.000 persoas reclámanlle á Xunta que reabra o consultorio e asinaron unha petición para que Ourol volva ter servizo médico.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com