A Deputación reclámalle á Xunta 220M€ de fondos extra, que xa recibiu do Estado para a Covid

O Goberno da Deputación de Lugo levará ao Pleno ordinario convocado para o vindeiro martes unha proposta conxunta para reclamarlle á Xunta de Galicia 220M€ de fondos extraordinarios, que xa recibiu do Estado, para as entidades locais e para os sectores económicos máis afectados polo impacto da pandemia. En concreto, solicítalle que inclúa nos orzamentos cando menos 100M€ para as entidades locais co fin de axudarlles a facer fronte ás competencias impropias que están cubrindo na loita contra a pandemia e 120M€ para crear unha liña de axudas destinadas aos sectores económicos máis afectados polas restricións da Covid-19.

O Executivo provincial subliña a necesidade destes fondos xa que, durante toda a pandemia, os concellos non recibiron nin un só euro extra da Xunta para axudarlles a facer fronte aos gastos de competencias impropias que se viron na obriga de asumir, como as desinfeccións dos colexios e dos centros de saúde ou a tramitación dos procedementos sancionadores por incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a Covid.

Así mesmo, lembra que a Xunta “non ten presentado nestes meses un plan de axudas concretas para paliar os efectos da Covid nos sectores máis afectados. A única iniciativa que puxo en marcha ata o momento foi habilitar unha axuda económica de 22 millóns. Unha cantidade insuficiente, que non garda relación coas perdas dos negocios, nin co esforzo dos concellos, que non está repartida na súa totalidade e que representa unha porcentaxe ínfima dos fondos extra de loita contra a Covid que lle ten transferido o Goberno do Estado e a Unión Europea á Xunta de Galicia”.

Neste sentido, o Goberno provincial subliña que a Xunta ten as competencias estatutarias na materia e conta tamén con recursos económicos, xa que no 2020 o  Estado transferiulle 224M€ a través dos fondos Covid, e acaba de anunciar o reparto doutros 441M€.

Na proposta, o Executivo da institución provincial demanda así mesmo que o procedemento para a concesión das axudas sexa “áxil e sinxelo para facilitar o acceso inmediato aos sectores afectados”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com