O Vicepresidente da Deputación e Alcalde da Fonsagrada Argelio Fernández Queipo, informou este martes que a Deputación recuperou a residencia e centro de día da Fonsagrada, logo de que a Sociedade Urbanística Provincial -SUPLUSA- desobedecese as ordes de entregar as chaves deste centro de atención a maiores á administración que ten a propiedade do edificio, que é a Deputación de Lugo. Neste senso, o Executivo Provincial está a analizar as posibles accións xurídicas de responsabilidade.
Fernández Queipo explicou que “a Unidade de Mantemento da Deputación, e en cumprimento dun decreto fechado o día 20 de xullo de 2018, procedeu ao cambio das chaves do edificio da Residencia pois, os servizos responsables da rede de residencias precisan acceder aos inmobles para comprobar a situación actual e iniciar os trámites para a apertura dos centros, e en cumprimento do convenio de cooperación existente entre a Deputación e o Concello”.
O deputado apuntou que o Goberno Provincial decidiu,”en estrito cumprimento da legalidade, facer este cambio de chaves logo do paripé montado polo Deputado non adscrito que, acompañado de 4 Deputados Provinciais do PP, así como do Presidente local do Partido Popular, se achegaron ao municipio fonsagradino a sacarse unha foto e a pasearse por unha residencia que non é da súa titularidade e finxindo unha entrega de chaves a que non ten a súa propiedade, desobedecendo, de novo, as ordes administrativas da Deputación”, apuntou.
Cómpre lembrar que a Deputación ordenou a SUPLUSA a través de 3 requirimentos, con datas 19 de abril, 5 de xullo e 1 de agosto, a entrega das chaves da residencia da Fonsagrada á Deputación de Lugo. É a administración provincial quen ten a titularidade tanto do edificio, como dos terreos, que foron cedidos oficialmente polo Concello ao organismo provincial.
Fernández Queipo explicou que nos pasados 15 días tentouse facer chegar a SUPLUSA, ata en 3 ocasións, varios requirimentos que non se puideron facer in situ porque tiñan as portas pechadas. Neste senso, o Vicepresidente destacou que “se SUPLUSA leva pechada unha semana, e sen facer outra cousa máis que sacarse fotos en residencias que non son súas, mellor será disolvela e cerrala para sempre”.