A Deputación reforza a comunicación coas persoas do servizo de teleasistencia

A Deputación de Lugo reforza estes días o contacto coas 1302 persoas maiores da provincia que a día de hoxe son usuarias do servizo de teleasistencia. A institución puxo en funcionamento unha campaña co obxectivo de facilitarlles información e recomendacións que contribúan a frear a propagación do coronavirus Covid-19.

A campaña, entre outras cuestións, inclúe chamadas ás persoas usuarias para lembrarlles que dispoñen dun teléfono de información centralizado relativo á enfermidade, facilitarlles recomendacións de hixiene e protección, e dar consellos adaptados a esta nova situación aos seus coidadores. Ademais, farase un seguimento específico no caso de que usuarios deste servizo tiveran que realizar a proba do coronavirus, intensificando as chamadas para comprobar a evolución da sintomatoloxía.

Asemade, tamén se establece un protocolo de seguimento especial no caso de que usuarios e usuarias  tivesen que someterse a un illamento por posible diagnóstico de coronavirus Covid-19. Neste caso, farase un control telefónico continuado, chamando de forma diaria durante 14 días para coñecer o seu estado de saúde e comprobar se houbo unha mellora ou empeoramento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com